Impresionante Pereiro!!
Óscar Pereiro fai historia e gaña unha tirada no TourNon o conseguiu no cumio do Courchevel. Tampouco en Saint Lary Soulan, onde só puido ser segundo. Mais á terceira foi, e Óscar Pereiro, logo dunhas xornadas sendo protagonista da paixón, venceu na liña de meta de Pau a súa primeira tirada do Tour. Pereiro saltou do grupo cando comezaba a subida ao alto de Aubisque, acompañado do tamén galego Marcos Serrano. Logo deixou atrás os compañeiros, e situouse na cabeza a canda o vasco Zandio, o australiano Evans e o italiano Mazzoleni. Quedaban só os quilómetros da baixada, e a distancia co grupo (uns seis minutos), podía abondarlles. E así foi: Pereiro ceibouse dos outros tres a 250 metros da liña de Pau, e conseguiu a primeira vitoria para un ciclista galego en toda a historia do Tour. O ponteareán Álvaro Pino quedara segundo nesta mesma tirada, xustamente hai vinte anos.
A cidade gascoa de Pau coñece así a primeira vitoria galega nun Tour, logo de que históricos como Álvaro Pino ou Blanco-Villar nunca o conseguisen. E aínda non dixo Pereiro a última palabra: loxicamente o podio está lonxe, pero o excelente estado de forma do mosense pódeno animar a rabuñar algúns segundos máis nas tiradas do Macizo Central francés e mais na última das contrarreloxos. O horizonte, mellorar a décima praza da edición de 2004. Para mañá, unha longa tirada de 239 quilómetros dende Pau ata a viliña languedociana de Revel, bastante chans. Pereiro, que acaba de renovar o seu contrato por dous anos co equipo Phonak, dedicoulle a vitoria á muller, coa que agarda un fillo para outubro.
O presidente en funcións da Xunta, Manuel Fraga, felicitou cun telegrama a Pereiro polo seu triunfo. Fraga transmitiulle a noraboa "no seu nome e no de toda Galiza" e cualificou a vitoria de "fito histórico" para o deporte galego. Fraga destacou que "é un orgullo para Galiza" contar cun deportista de tan gran valía.
16ª tirada
1º Óscar Pereiro (GZ), 4:38'40"
2º Xabier Zandio (EUS), =
3º Eddy Mazzoleni (ITA), =
11º Marcos Serrano (GZ), a 2'28"
36º L. Armstrong (EUA), a 3'24""
Fonte -> www.vieiros.com
19/07/2005 21:58


