Se muestran los artículos pertenecientes al tema varios.
23/07/2005
SEGUNDA VITORIA GALEGA NA ROLDA FRANCESA
Marcos Serrano gaña a tirada e completa a festa galega do Tour[22/07/2005 08:29] Dúas de dous. Os dous ciclistas galegos que participan na edición deste ano do Tour de Francia van volver a casa con cadansúa vitoria. Despois de que Óscar Pereiro conseguira o pasado martes gañar a primeira tirada dun ciclista galego na rolda gala, Marcos Serrano logrou impoñerse esta tarde na meta de Menda, no Macizo Central francés, despois de conseguir deixar atrás ao grupo de fuxidos na última ascensión do día. O francés Vasseur e o belga Axel Merckx entraron na meta a 27 segundos como segundo e terceiro, respectivamente.
O presidente da Xunta en funcións, Manuel Fraga, e o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, parabenizaron o ciclista de Chapela logo da súa vitoria, ao igual que xa fixeran con Óscar Pereiro. Fraga envioulle un telegrama en que lle transmitía a noraboa en nome da Xunta e de todos os galegos, e onde destacaba o "orgullo" dos galegos por contar cun ciclista da súa "valía e espírito de loita". Quintana dixo "gozar" desta "nova demostración" da "forza" do ciclismo galego na proba de "máis prestixio internacional". Así mesmo, amosou o seu desexo de que este non sexa o último triunfo do deporte
galego nesta competición.
17ª tirada
1º Marcos Serrano (GZ)"
2º Cédric Vasseur (FRA), a 27"
3º Axel Merckx (BEL), a 27"
12º Lance Armstrong (EUA), a 11'18"
24º Óscar Pereiro (GZ), 12'28"
Xeral
1º Lance Armstrong (EUA)
2º Ivan Basso (ITA), a 2'46"
3º Mickael Rasmussen (DIN), a 3'46"
13º Óscar Pereiro (GZ), a 17'10"
40º Marcos Serrano (GZ), a 1:16'33"
19/07/2005
Impresionante Pereiro!!
Óscar Pereiro fai historia e gaña unha tirada no TourNon o conseguiu no cumio do Courchevel. Tampouco en Saint Lary Soulan, onde só puido ser segundo. Mais á terceira foi, e Óscar Pereiro, logo dunhas xornadas sendo protagonista da paixón, venceu na liña de meta de Pau a súa primeira tirada do Tour. Pereiro saltou do grupo cando comezaba a subida ao alto de Aubisque, acompañado do tamén galego Marcos Serrano. Logo deixou atrás os compañeiros, e situouse na cabeza a canda o vasco Zandio, o australiano Evans e o italiano Mazzoleni. Quedaban só os quilómetros da baixada, e a distancia co grupo (uns seis minutos), podía abondarlles. E así foi: Pereiro ceibouse dos outros tres a 250 metros da liña de Pau, e conseguiu a primeira vitoria para un ciclista galego en toda a historia do Tour. O ponteareán Álvaro Pino quedara segundo nesta mesma tirada, xustamente hai vinte anos.
A cidade gascoa de Pau coñece así a primeira vitoria galega nun Tour, logo de que históricos como Álvaro Pino ou Blanco-Villar nunca o conseguisen. E aínda non dixo Pereiro a última palabra: loxicamente o podio está lonxe, pero o excelente estado de forma do mosense pódeno animar a rabuñar algúns segundos máis nas tiradas do Macizo Central francés e mais na última das contrarreloxos. O horizonte, mellorar a décima praza da edición de 2004. Para mañá, unha longa tirada de 239 quilómetros dende Pau ata a viliña languedociana de Revel, bastante chans. Pereiro, que acaba de renovar o seu contrato por dous anos co equipo Phonak, dedicoulle a vitoria á muller, coa que agarda un fillo para outubro.
O presidente en funcións da Xunta, Manuel Fraga, felicitou cun telegrama a Pereiro polo seu triunfo. Fraga transmitiulle a noraboa "no seu nome e no de toda Galiza" e cualificou a vitoria de "fito histórico" para o deporte galego. Fraga destacou que "é un orgullo para Galiza" contar cun deportista de tan gran valía.
16ª tirada
1º Óscar Pereiro (GZ), 4:38'40"
2º Xabier Zandio (EUS), =
3º Eddy Mazzoleni (ITA), =
11º Marcos Serrano (GZ), a 2'28"
36º L. Armstrong (EUA), a 3'24""
Fonte -> www.vieiros.com

